Un invasor das antípodas

Image

eucaA paisaxe que se ve desde a miña casa en Galiza.
06/02/19 – Francisco Gómez Regenjo

Cando se fala de España, moitos italianos pensan en sol, flamenco, toros, paella e sangría. Así como cando se fala de Italia, os estranxeiros pensamos en pasta, pizza, góndolas e gladiadores. Obviamente, a realidade é moito máis complexa. Eu veño de Galiza, un país que se corresponde coa esquina noroeste da península ibérica. E alí, poucos tópicos españois se cumpren. A nosa terra é a primeira que se atopa a corrente do Golfo despois de cruzar o Atlántico. Por iso o clima, normalmente, é moi húmido e chuvioso en inverno, e a veces tamén en verán.

Se a estas condicións meteorolóxicas lle sumamos unha orografía pragada de pequenos ríos, vales e montes, un agardaría atoparse unha paisaxe dominada polo bosque atlántico. Carballos, castiñeiros, bidueiros e piñeiros nos vales, e vexetación baixa nas montañas. Pero en gran parte de Galicia, isto non é así. Unha árbore que semella sacada dun bosque tropical medra por todas partes: o eucalipto.

L31M8032cat

Santiago di Compostela, o lugar galego máis coñecido polos italianos. Fonte: La Voz de Galicia

Con ese nome coñecemos a un xénero de vexetais orixinario de Australia que abrangue varios centos de especies. As primeiras descricións por exploradores occidentais foron feitas no s.XVI e non foi ata o XVIII que se iniciou a súa introdución en Europa. O primeiro eucalipto ao aire libre do continente plantouse no Pazo Real de Caserta en 1792. No caso de Galiza, os científicos Francisco Javier Silva Pando e Rubén Pino Pérez atoparon documentación que sitúa a primeira plantación do xénero arredor do 1850. 

A cousa cambiou moito desde mediados do XIX. De curiosiade exótica e elemento ornamental, pasou a ser un grave problema medioambiental. É que na actualidade, e segundo datos da Xunta de Galiza, o eucalipto ocupa 425.000 hectáreas, ou o que é o mesmo, o 14% da superficie total do país. Como se chegou a esta situación? Pois en grande medida, grazas ás extraordinarias características, case superpoderes, desta árbore.

mapa-eu

En amarelo, a superficie que ocupa o eucalipto en Galiza. Fonte: Xunta.gal

A primeira é que medra espectacularmente rápido. Un exemplar de 4 anos da especie Globulus Labill., a máis común na Península Ibérica, pode acadar os 15 metros de altura. Xa di o refraneiro popular: “planta eucaliptos para ti, piñeiros para o teu fillo e carballos para o teu neto”. Por isto, resultou unha especie moi atractiva para a reforestación e a produción de madeira, e as plantacións espalláronse tan rápido como medra a árbore.

Un crecemento tan veloz esixe moitos recursos. Por iso é unha árbore que consume moitos litros de auga, adecuada para a drenaxe de terreos moi húmidos. En moitos lugares, como Italia, evitábase así a formación de focos infecciosos. E en Galiza, como dixen, chove moito, polo que esta capacidade non debería ser un problema. Non?

Poderíase dicir tamén que posúe a habilidade de resucitar. Se cortas un exemplar, en cuestión de semanas aparecerán os rebrotes no tocón, e a árbore medrará tan velozmente como a primeira vez. O mesmo sucederá se se produce un incendio forestal.

E por se fora pouco, produce aceites con propiedades medicinais aos que debemos ese arrecendo tan característico e agradable. Entón? Que podería ir mal cunha super árbore que ademais cheira ben?

Pois resulta que eses aceites son altamente inflamables, e ademais a cortiza e fina, lixeira, e medra en espiral. O eucalipto é unha ábore deseñada para arder, o que en termos centíficos se coñece como planta pirófila. Ademais as follas que ao caeren cobren o chan, conteñen sustancias alelopáticas, compostos químicos que impiden e dificultan o crecemento de outras especies. O eucalipto, moi rentable economicamente, foi plantado masivamente. Sen predadores naturais, provocouse a súa expansión sen control. As árbores autóctonas perderon terreo e téñeno complicado para recuperalo, xa que non poden competir contra todas esas adaptacións.

INCENDIOS FORESTALES EN GALICIA

Unha casa preto dos eucaliptos, durante a vaga de incendios do 15 de outubro de 2017. Fonte: rtve.es

Sucede que Galiza posúe máis dun terzo de topónimos do conxunto do estado español. É dicir, a poboación galega está moi diseminada. Unha árbore pirófila rodeando miles de pequenos núcleos de poboación, deixa de ser un problema ambiental, a ser un problema humano. Como exemplo, o incendio que matou o 15 de outubro de 2017 a Maximina Iglesias (86 anos) e Angelina Otero (78) na aldea de Chandebrito.

Son moitas as voces en contra do eucalipto. Moitos solicitan que se tomen medidas legais sólidas que axuden a mellorar a situación. Toman como exemplo o caso do noso país irmán, Portugal, onde o goberno proibíu a reforestación de terreos ardidos coa árbore australiana. Existen incluso Bigradas deseucaliptizadoras: grupos de persoas que se reúnen para cortar e impedir o avance do eucalipto, ao mesmo tempo que sementan especies autóctonas. 

ence

Os eucaliptos rodean mesmo a  fábrica de ENCE. Fonte: Diario de Pontevedra

Pero o eucalipto ten da súa parte axentes moi poderosos: as empresas madeireiras e de celusosa . As grandes beneficiadas pola sobreexplotación, exercen tanta presión que, a pesar de todas as evidencias que tentei explicar neste artigo, o Ministerio de Medio Ambiente non considera o eucalipto unha especie invasora. De feito ENCE, unha grande industria papeleira presente na ría de Pontevedra, célebre polo impacto ambiental das súas instalacións, recibiu do goberno estatal de Mariano Rajoy unha prórroga na súa licencia ata o ano 2073.

Vivimos nun tempo no que ata a verdade científica se pode comprar. No que a cotización en bolsa pesa máis que Maximina e Angelina e as súas vidas asfixiadas nunha furgoneta rodeada polo lume. Si, o eucalipto mantivo quente as casas nas que medraron os meus avós e pais, e outras moitas. Deu e dá traballo. Pero iso non quere dicir que non haxa que porlle freo, buscar alternativas e defender os nosos ecosistemas autóctonos.